A MIÑA VIAXE A ÍTACA

A MIÑA VIAXE A ÍTACA

Coa apertura de Ítaca materialízase un dos meus soños: abrir un espazo adicado ás artes escénicas onde facer, ver, aprender e ensinar.

Cando con 3 anos miña nai me levaba ós seus ensaios de teatro, eu quedaba abraiada con esta arte que permitía converterse noutro e crear un espazo e un tempo diferente ó convencional. Supoño que, dende ese momento, quixen formar parte deste mundo.

A miña viaxe ós escenarios comezou con Hipócrita Teatro cando unha tarde de primavera decidimos crear a compañía. Aínda sen equipaxe e sendo moi nova, comecei a experimentar, aprender e gozar sobre as táboas nos ratiños libres que me deixaba o instituto. Este fascinante traxecto fíxome querer saber máis.

Cheguei a Espazo Aberto e formeime con Carlos Neira, un guía excepcional que non entrega mapas senón que ensina a trazalos. Logo de tres anos aprendendo e desaprendendo, fascinada polo traballo e o proceso que supón ser actriz, quixen seguir explorando. Así decidín quedar uns anos máis investigando no traballo corporal e no texto contemporáneo con Carlos Neira e transitando polos camiños da danza con David Loira, do Clown con Petra Hofman, da intepretación ante a cámara con Sonia Méndez, da voz con Nuria Gullón…  Ó tempo, percorrín sendeiros da man de Cristina Domínguez, Paco González, Marta Pazos, Roberto Fratinni, Antía Otero, Guillermo Weicket, Violeta Luna, Jose Manuel Mora, Mónica de Nut, Lucas Herrador, Daniel Abreu… con eles mergulleime na dramaturxia, na loita escénica, na performance, na teoría e historia do teatro, no cabaret…

Pero ser actriz non é ser formadora. Ó meu parecer, formar implica un paso máis. Logo de prepararme intensamente para a docencia teatral dos máis peques e de dar cursos puntuais, comecei co Espazo Miúdo en Espazo Aberto, onde traballo dende o 2011. Moita da enerxía posta neles veume de volta ó velos medrar ano tras ano, comprobando que o que aprendían en clase ía máis alá da interpretación e da posta en escena. O traballo cos nenos e nenas é moito máis que teatro, sae das táboas á rúa, ás relacións, á autoestima,  recursos para vida…  Comecei tamén a dar cursos puntuais para adultos, pero decateime enseguida de que isto require dunha equipaxe diferente. Decidín entón asistir a clase con Carlos Neira para  formarme como formadora de actrices e actores e empaparme algo da súa infinita sabedoría. No 2015 asumín a formación actoral en Hipócrita Teatro e abrimos as portas a todo aquel que quixese aprender, impartín cursos monográficos, dirixín as miñas primeiras montaxes  e continuei co traballo como actriz, pero estas últimas facetas son para contar noutro caderno de viaxe.

Logo de varios anos dando clase e comprobando que este traballo me apaixona tanto como o de actriz, e con varias maletas desas que non pesan, comecei a miña viaxe de volta á casa, a miña viaxe a Ítaca.

Elea, directora e docente de Ítaca

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies